Translate - Traductor

sábado, 18 de mayo de 2013

ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS.- Libro de Xulio Cuns e Xosé Mª Veiga.- (Concello de Betanzos)


ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS.


Libro de XULIO CUNS LOUSA e XOSÉ Mª VEIGA FERREIRA.

Editado polo  CONCELLO DE BETANZOS.



Portada do Libro "ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS"




O libro titulado ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS foi editado ano 2006 polo Concello de Betanzos rematándose de imprentar no prelo da imprenta “Lugami” un día tan sinalado como o 17 de maio.


Contraportada


Son autores deste excepcional traballo, XULIO CUNS LOUSA e XOSÉ MARIA VEIGA FERREIRA, cun amplo curriculum investigador e incesantes publicacións.


Xosé Mª Veiga Rodriguez
Xulio Cuns Lousa




A obra consta de 297 páxinas onde se recolle a historia, vida, costumes das orquestras de baile da comarca das Mariñas. Un riguroso traballo onde se plasma a evolución que tiveron co paso dos anos as distintas formacións musicais que traballaron na comarca mariñana, as que tiveron mais sona ou incluso aquelas outras nas que formaban parte algún músico natural desta bisbarra.


Fotografía publicada en ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS.
Nesta recóllese un baile celebrado en Paderne.


Conta cunha ampla recollida de fotos, que tal como se indica na obra, moitas delas son inéditas. Inclúe o traballo diferentes etapas nas que se desenvolve a evolución dos grupos musicais que imperaron en cada época na zona: Dende as pequenas murgas pasando polas grandes orquestras e os grupos musicais xa mais modernos da década dos anos setenta, facendo inciso nos grupos adicados á música lixeira, á “bailable” como indican os autores na súa presentación.

Hoxe en día está prácticamente esgotado, polo que a súa adquisición faise nun traballo difícil. Seguramente o editor, o Concello de Betanzos, de existir demanda debería de barallar a posibilidade dunha reedición, do que seguro tería aceptación no gran público.

E unha obra para remorar os numerosos grupos musicais que houbo na bisbarra de Betanzos, e como non, tamén unha merecida homenaxe ós músicos que integraron distintos grupos nas décadas do século XX as festas e romarías ó longo da xeografía galega.



Cartel das festas en Betanzos-Norte (Infesta)

Cartel anunciando festas no Alto do Xestoso



Non hai parroquia en Galicia que quede sen festa nin verbena para celebrar a súa respectiva, ademais das innumerables romarias que ó longo de todo o ano se celebran na nosa terra.

Como se indicaba anteriormente, o traballo abrangue dende o principio do século XX onde aparecen os primeiros gaiteiros nas aldeas das Mariñas (En Tiobre “os Marra”; en Collantres “os Mandos”, “os Abrodos” de Velouzás ou “os Rilos” e “os Freires” en Oza)….  A Banda Municipal de Betanzos foi tamén un referente musical no arranque do século.

Desta época resaltan os autores como grupos destacados, entre outros:

OS BARRALES de Cecebre
OS PITAS de Pontedeume
OS MANSOS de Leiro-Miño
OS CATALÁS da Feira do Tres-Vilarmaior
MANSOS OU “CAFUS” de Collantres-Coirós
PANCHÓS de Sada
MUSICA ESPERELA de Paderne
MUSICA DOS SABÍN, de Velouzás
AGULLEIROS de Val de Xestoso-Monfero
MUSICA DE OIS, de Ois-Coirós
CASTELLANOS de Goimil-Vilarmaior.

Outro grupo que dos que se fai mención na obra indicada ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS, son as dos ano trinta, onde aparece a figura do “animador” ou “vocalista”.

Aquí son de renome as seguintes:

OS GUILIADES, de Guiliade-Betanzos
OS RAMBALTS (anteriormente denominábanse “Os Mozos de Paderne”)
MALLO
CASTIGADORES DO ALTO, de Alto Xestoso
LAMAS de Pontedeume
PACHOTES, de Vilarmaior.




ORQUESTRA "CASANOVA".- Todos os compoñentes eran da parroquia
de Meangos (Abegondo).  Fotos de Luis Rodríguez "Fixoi"

LOS KEY



Seguindo unha orde cronolóxica os investigadores analizan tamén as orquestras nas décadas posteriores á guerra civil (anos corenta e cincuenta), época importante e interesante no avance dos grupos musicais coa incorporación de novos instrumentos, pero mais que nada a gran novidade tecnolóxica foi a incorporación de altofalantes nos eventos musicais.

Neste senso lembro como en tertulias de sobremesa meu pai ten contado mais dunha vez, que aquela incorporación fora todo un acontecemento. Eso de “oir falar e cantar” as cerdeiras e maceiras, era moito para aquela xeneración de homes e mulleres con moita falta de pasalo ben e divertirse. Era unha cousa que nunca tal se vira, … e que se oirá, tampouco….  Un empresario betanceiro do ramo, un tal Cancela, parece ser que era o que suministraba destos novos aparellos ás orquestras, o cal tiña como reclamo aquello que decía.. “ALTAVOCES CANCELA, NON HAI COUSA COMA ELA”.

Nesta etapa viña a seguir colleitando éxitos as de décadas anteriores (Rambalts, Lamas, Guiliades…), pero aparece unha nova xeira de novas orquestras, entre as que podemos lembrar as seguintes:

OS PAULOS de Cortiñán-Bergondo
ORQUESTA BRIGANTINA de Betanzos
ORQUESTA X de A Coruña
CASANOVA, de Meangos-Abegondo
OS SATELITES de A Coruña
PIÑEIRO de A Coruña
PIÑA de Ferrol
PATOLOS de Campolongo
CAPITANES de Riobao-Sada
BELLAS FARTO de Ferrol
COMPOSTELA de Betanzos
SINTONIA
IBERIA, de Cecebre-Cambre
IMPARCIALES, de Abegondo
JUVENTUD DE GUISAMO, de Guísamo-Bergondo
LEIRA de Ferrol
ORIENTAL con músicos de Abegondo e de Cesuras
TROVADORES
PRINCIPES
PALMA de Cesuras
CONQUISTADORES de Sobrado
AGÜELAS de Mondego-Sada
SARATOGA de Ferrol,  ….
…….



Festas en Esperla (Paderne).- Foto publicada no libro
ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS


Xa entrando na década dos anos sesenta e setenta, aparecen os “grupos musicais” con saídas ó exterior e onde se fan as primeiras gravacións.

Neste apartado mencionanse grupos como
CUMBANCHEROS de Betanzos
CELTAS DE ESPAÑA
LOS ESPAÑOLES, que chegaron a actuar en Xapón
OS VIEIRANTES, de Betanzos
OS BREOGANS
LOS CAPRIS
DUKES
ORQUESTRA LA PIÑA FERROLANA
LOS DIAMANTES
LAMAS LA PIÑA
FINISTERRE
GRUPO J-5
PLAYERS
TREBOL
LOS TARANTOS
OS KEY
LOS TAMARA…
 ….
O traballo publicado continúa con anécdotas de músicos, os bailes, cómo eran as regras do baile e tamén fai unha relación das pistas de baile que había na bisbarra:

O “salón pista Peneda” de Abegondo, o salón de “Concheiro” en San Tirso de Mabegondo, “A Flor” de Montouto, e a pista de Meangos no bar da familia Barallobre. En Bergondo a pista “Noi”, a “Sociedade de Guísamo”, a sala de festas do “Chiquitero”. En Betanzos os salóns de baile de Guiliade, a do Liceo, “A Camelia” ou o “Rey Brigo”. En Cesuras a pista de baile do xastre de Carres; en Coirós a pista “Cardenal”, en Ois o salón de Tizón e o Salón do Ferreiro; en Irixoa, no lugar da Viña, que había ata duas pistas, por mor da importancia que tiñan os bailes cando as feiras. Tamén dan conta da situada en Miño o salón de baile de “Pantín”, e o “Sevillita”. En Monfero, no lugar de Xestoso o salón de baile “Fonte Dola” e no Xestal “O Pinar. No concello de Oza dos Ríos estaba o “Salón do Cego” e tamén o salón “Paraíso”. Había outro tamén en Callobre. En Paderne chamabase o salón de baile “Grandal”, e en Adragonte denominabase a pista de baile “Casa Germán. No concello de Sada, en concreto en Carnoedo o salón de baile “Flora Sánchez”. “A Terraza”, no paseo marítimo e o “Salón Moderno”. En Vilarmaior dan conta os autores da pista de baile “Aire dos Pinos”, na Feira do Tres.

Outros de renome foron a pista de baile “El Seijal” en San Pedro de Nos (Oleiros), ou a pista de baile “Carnicero” na Ponte da Pasaxe….

Xa no remate do libro fai referencias biográficas de músicos de sona da bisbarra, que outro día traeremos aquí para traer de novo á memoria do público.


OS GUILIADE
Grupo musical que acadou sona na bisbarra de As Mariñas.
(Foto recollida no libro ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS)

OS GUILIADE.
 Foto recollida no libro:
ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS


LOS SATELITES
Orquestra de sona internacional



Sen dúbida este formidable traballo, ademais do recoñecemento ós grupos musicais e ós seus integrantes, é tamén unha pequena homenaxe a todas esas xeneracións de galegos e galegas que se criaron e medraron de festa en festa ó son das nosas orquestras.

Sáude e música para todos.


Resumen publicado polos autores referido ó libro
ORQUESTRAS POPULARES DAS MARIÑAS