sábado, 31 de agosto de 2013

FEIRAS, FESTAS E ROMARIAS.- en Abegondo un Curruncho das Mariñas

FEIRAS, FESTAS E ROMARIAS



Un resúmen do publicado en "Abegondo un Curruncho das Mariñas" no apartado referido á feiras, festas e romarías, publicado no ano 1996.


C A P I T U L O   11
FEIRAS, FESTAS E ROMARIAS


11.1- FEIRAS: A feira de mais sona que queda na memoria dos abegondeses corresponde á de San Marco que se celebraba dúas veces ó mes, na capital municipal, no lugar onde aínda hoxe en día se coñece coma “O Campo da Feira”. Os días de celebración eran os 7 e 25 de cada mes, sendo a mais importantes das de todo o ano a que se celebraba o 25 de abril, coincidindo co día do patrón municipal, San Marco. Ese día xuntábanse os propios feirantes e os romeiros que se acercaban a venera-la imaxe na capela que leva o mesmo nome.
Casetas no Campo da Feira de Abegondo.


Casetas do Campo da Feira de Abegondo

A primeira feira da que se ten conta foi a celebrada o 25 de abril de 1855, data na que o alcalde daquela época, Benigno Mª Folla, fai público un anuncio co gallo de publicita-lo evento, previo consentimento do Gobernador da provincia[1].
Chegou a ser nos do medio deste século un importante punto de encontro dos feirantes da provincia. Contaba con instalación para os propios feirantes, consistentes nunhas casetas feitas en ladrillo e cemento, as cales cerraban o campo case en todo o seu perímetro[2], así como abrevadeiros para o gando. Moitos dos feirantes que se achegaban a Abegondo desprazábanse en autobuses que viñan dende zonas de Carral, Betanzos e a bisbarra da capital provincial.
Escudo municipal aprobado no último tercio do século XIX
O remate da década dos setenta foi minorando a concurrencia que deu pé a súa total desaparición, correndo a mesma sorte que as de Porzomillos (Oza dos Ríos)[3], As Travesas (Carral)[4], Guísamo, etc. As instalacións do “Campo da Feira” co paso do tempo foron sufrindo unha xeira de modificacións que deron pé a súa total desaparición, xurdindo novas construccións, como a centraliña telefónica ou o palco da música.
Antigamente houbo un tempo en que as feiras era o único medio para poder comercializa-los productos que se colleitaban polos labregos e gandeiros. Por elo era moito mais frecuente atopa-la organización de feiras en distintas localidades, aínda mesmo dentro de cada concello, na meirande parte dos casos, fomentadas polas propias autoridades municipais. Neste caso atópase Abegondo, en que no ano 1868 a corporación acordou, baixo a supervisión do Goberno da provincia, a creación dunha feira na parroquia de Sarandóns, co gallo de poder mercar e vender toda clase de gandos, graos, paños e froitas. A ubicación da feira era no lugar da Calle, frente á casa de Laureano María Muñoz, que fora priorato[5], fixando os segundo sábados de cada mes coma o día de celebración[6]. No ano 1872, por falta de concurrentes ás ultimas feiras, o 19 de agosto daquel ano, a corporación municipal adopta o acordo de traslada-lo día de celebración da feira para os segundos luns de cada mes, tratando dun xeito coactivo a asistencia dos veciños á mesma. Neste senso o acordó adoptado foi redactado do seguinte xeito:
Nas inmediacdions da igrexa parroquial de Sarandóns e
do denominado "Convento" celebrabase a feira no século XIX.
“… que la feria que se celebra mensualmente en Sarandones que quedando en el olvido por falta de concurrentes, se excite nuevamente al público su celebración el 2º lunes de cada mes en el sitio denominado de la Calle; a donde deberán concurrir toda clase de ganado y toda clase de cereales y artículos de comer y beber, dándose la debida publicidad. Los Pedáneos de las parroquias se les dirigirán circulares para que personalmente casa por casa para que al menos de cada una, concurra una persona con cualquier clase de ganado, granos u otra clase bajo la responsabilidad de dichos pedáneos[7].

Outra feira da que se ten conta é a que se celebraba na parroquia de Orto. Neste senso, o concello no ano 1875 acordo reestablece-la feira que se celebraba no souto de Santa Margarida, fixando os días de celebración os 13 de cada mes. Neste ano, como medida de fomento desta feira o concello acorda que a mesma sexa libre de toda clase de dereitos, celebrando concursos con importantes premios para os mellores exemplares de gando[8].

11.2- FESTAS E ROMARIAS: Hoxe en día perdura como reflexo das festas e romarias que antigamente se celebraban, a da Virxe dos Remedios que no mes de setembro se celebra en Sarandóns. As festas populares que hoxe coñecemos que se veñen a celebrar nas parroquias con mais ou menos intensidade, segundo a propia organización que cada unha teña, están adicadas ós respectivos patróns.
Procesión baixando Ardexurxo (Sarandóns)



Evento relixioso diante da Capela de San Xoan (Sarandóns)

Relacionanse a continuación as romarías de mais sona que nas últimas décadas xuntaban a centos, por non decir nalgún caso milleiros, de romeiros de toda a bisbarra de tal xeito que aínda algunha perdura nos nosos días.

Romaría da Virxe dos Remedios: Celébrase no mes de setembro seguindo unha tradición secular. O día mai importante é o último domingo do mes. O anterior, é decir o penúltimo domingo do mes de setembro, coñécese coma a “romería pequena”. Na actualidade segue a ser punto de encontro de centos de romeiros que acuden dende primeiras horas da mañá ás misas que se celebran na parroquial. O mediodía, se o tempo o permite, os prados á beira do río Barcés dan acollida ós que optan por xantar ó aire libre.

Romaría da Saleta: Celebrábase ata non hai moito tempo na parroquia de Presedo o 19 de setembro. Hoxe en día únicamente se celebran as festas patronais típicas de outras festas do verán. A igrexa parroquial está ubicada no lugar chamado “Campo da Saleta”, adicado a esta romaría.

Romaría de San Amaro: Venerábase a este santo nunha capela, hoxe en día case totalmente derrubada, na parroquia de Figueiroa. Estaba ubicada ó norte da parroquia, preto do linde coa de Montouto[9].

Romaría de San Andrés: No mes de agosto celebrábase esta romaría de sona na bisbarra ata case mediados deste século na parroquia de Crendes, no lugar de Vilar, preto da capela do mesmo nome.

Romaría das Cereixas: Celébrase na parroquia de Vilacoba no primeiro domingo de xullo. Estivo a piques de desaparecer, ata que hai uns anos os veciños traballaron para reorganizala e fomenta-la asistencia dos romeiros. Celébrase hoxe en día nas inmediacións da recén reconstruída igrexa parroquial, mentres que hai uns anos era ó lado da capela de San Paio.

Romaría de San Campio: Romaría da parroquia de Limiñón a cal coincidía co primeiro domingo de setembro. Considerado este santo como un avogado para a recolleita do trigo e para combati-lo “caruncho”, os romeiros achegábanse a ofrecerlle a San Campio boas coleitas no campo. Desapareceu totalmente ó estala-la guerra civil de 1936.

Portada de Abegondo un Curruncho das Mariñas


-----------------------------------------------

NOVA PUBLICACION



A loita guerrilleira contra o réxime de Franco tivo como punto de actuación destacado a comarca de Betanzos. En canto á súa organización, na que o Partido Comunista xoga un destacado papel, Abegondo foi un dos puntos en donde se inician os primeiros contacto entre os principais dirixentes. 

Un período convulso este da postguerra civil do 36. Na publicación "A loita guerrilleira contra o réxime de Franco en Abegondo e comarca de Betanzos" faise un percorrido de feitos históricos que marcaron a toda unha xeneración. Un relativo cronolóxico desde aqueles primeiros días en que chegan noticias da sublevación de parte do exército no Norte de África ata momentos de máxima tensión que aconteceron no territorio.




A publicación contén datos en cómo se desevolven os primeiros contactos para conformar as partidas organizadas que sexan capaces de desestabilizar ao sistema, as acción mais salientables (morte do crego de Viós, atentado contra a Garda Civil en San Tirso de Mabegondo ou o incendio da Casa do Concello de Abegondo). 

Un recopilatorio en definitiva que nos adentra a aqueles anos da década dos 40 do século XX como foi a loita guerrilleira nas aldeas e pobos da comarca de Betanzos e con maior incidencia no concello de Abegondo.

Video: 



En Amazón:   Disponible en formato Ebook e Libro de tapa blanda


A loita guerrilleira contra o réxime de Franco en Abegondo e comarca de Betanzos en AMAZON (+info)





-----------------------------------------------------------------------------------










[1] BOP 6 de abril de 1955.
[2] Parte delas foron construídas e arranxadas co remanente dos cartos recadados para a reconstrucción da casa do concello por mor do incendio sufrido en 1948.
[3] Coñecida popularmente coma a “Feira do Vinte”.
[4] Trasladada posteriormente a Carral.
[5] Pola descripción dada no anuncio publicado polo concello no BOP do 26 de xuño de 1868, débese entender que está preto do que hoxe en día coñecemos coma “O Convento”, ó lado mesmo da estrada que vai de Carral a Montouto.
[6] A inauguración levouse a cabo o día 11 de xullo de 1868.
[7] BOP 28 de agosto de 1872.
[8] BOP 4 de xuño de 1875.
[9] E. Carré Aldao, fai mención desta romaría na súa obra “Geografía del Reino de Galicia”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario