Translate - Traductor

sábado, 8 de diciembre de 2012

A TABERNA DOS 50

A TABERNA DOS 50

“O Abegondo dos 50” é o título dun libro editado no ano 2004 do cal é autor o abegondés Pedro A. Barros Pedreira ("Antón do Cruceiro"). Nel relata de forma maxistral a parroquia de Abegondo na década dos anos 50 do século pasado. Os rueiros, un por un, as familias que vivían en cada un deles, e as persoas que formaban cada unha delas.
Centos de anécdotas, contos, vivencias, biografías van compoñendo este libro que ó meu entender pouquiñas parroquias de Galicia poden ter tal cousa por escrito. Así era “Antón do Cruceiro”.

De seguido plasmo textualmente un anaco do libro no que describe a casa que era “A taberna” da parroquia; que por outra banda, era ben coñecida por él, dado que o seu pai, “Eduardo da taberna”, rexentaraa por algún tempo.

Narra e plasma con claridade como eran aqueles tempos e que rol xogaba naquel entón un lugar público como era a taberna.

Comenta así a cousa:

“ …. Abondaría coa taberna para ter centos de anécdotas. Algunhas menos, poero moitas tamén, na casa do Secretario do Xulgado. Non podemos incluilo todo, así que nos limitaremos a tres ou catro detalles. Sempre situados na década dos 50.

Subindo do Naranxo cara ao Adro, pola estrada de pedra e terra, chea de furados, cuns foxos de apetecible vizosa herba só comesta polas vacas do lagoeiro, atopabas en primeiro lugar e á dereita, a casa da taberna, coñecida sucesivamente pola “Casa da Pilara”, “Casa de Benxamín” e “Casa de Eduardo”, segundo o nome de quen a rexentou en cada intre, ata comenzos dos 60 cando pechou, cerrou. Esta casa, a maior da parroquia, mirada de fronte, dividíase en dúas vivendas, esquerda e dereita. A segunda estaba ocupada no baixo, e avanzando da entrada ao fondo, pola taberna, a adega cos bocois e barricos de viño e a cociña; no sobrado, por tres dormitorios da familia dos taberneiro, e no faiado, o “almacén de cachivaches” e diferentes currunchos para a recolleita de patacas, e de mazás da frondosa e rica horta. A primeira, a parte esquerda do edificio, como xa se dixo, en semellante distribución –sen taberna- estaba habitada pola propietaria do inmoble e, á súa vez, primeira taberneira. Con sendas escaleiras interiores, de madeira, para subir ás respectivas habitacións do sobrado, na da taberna tiña, ademais, outra escaleira exterior, de cemento, e unha interior, movible (unha escada), tamén usada para subirse ás árbores frutais, que comunicadba o sobrado co faiado. Coa madeira das súas portas da fachada principal –tamén había dúas laterais e outra posterior-, só con esas dúas, podías facer unha ducia de portas de agora, ¡como serían de grosas e grandes! Na parte da tía Pilara, entrando, un corredor de metro e medio de ancho unía a porta dianteira coa traseira, deixando en primeiro lugar (á esquerda) a cociña, as escaleiras do sobrado e o comedor.

Básicamente, a taberna era un auténtico caixón de xastre, un ultramarinos: viños, cafés, augardentes, anises, licores de todo tipo (¡que ron escarchado, por exemplo!), ou a xenebra de botellas –de barro, canecos), cervexas, gaseosas, oranxes… (propio dunha cafetería ou café de hoxe en día); os elementos mínimos-básicos de entón “para a casa” (arroz, azucre, pan de molete, bacalao, pastas –fideos sobre todo-, carne de porco –chourizos, touciño, rexóns…-) e larpeiradas (galletas, caramelos, chocolate, gominolas…). Naturalmente nunca faltaba ese sector alcumado “casa de comidas”, baseado na tortilla de patacas ou “española”, nun cacho de queixo e un pedazo de pan, nuns chourizos asados á brasa ou nun anaco de bacalao, nunhas latas de conservas (sardiñas, bonito)… No inverno (¿para escorrenta-lo frío?), o tabaldos-pechancos (especie de cilindro oco e de madeira, de vinte centímetros de altura e un metro de diámetro,completamente cheo de sardiñas perfectamente colocadas e superpostas filas circulares e conservadas polo sistema mixto de afumadas e salgadas). Un destes pechancos, envolto en papel de estraza mollado e metido entre a brasa da lareira un par de minutos, era puro salitre; tiraba polo viño mellor que os bois polo carro, ¡e como facía entrar en calor!... Todo iso, ao longo do día, de cada xornada da semana. Pola noite –o sábado máis que outro día calquera- o negocio centrábase nas partidas de cartas ata as tantas da madrugada, á luz do gas ou do carburo, ata a chegada da luz eléctrica á parroquia, feito histórico producido precisamente nos 50. Pero nesta taberna tamén se vendían, por exemplo: vasoiras, cravos, brochas, puntas, carburo, gas, xabrón, papel do alzadoiro, café en gran ou muído en muiño manual propio, tabaco (único estanco da parroquia), papel de fumar, mistos, pedras de mecheiro…, e todo tipo de cilindradas para a escola e escolantes (gomas de borrar, pizarriños, lapis, plumas, tinteiros, manecillas, cadernos, pizarras…). O dito: taberna igual a caixón de xastre. De todo.

Das mil e unha anécdotas de entón, cómpre, cecais, lembra-la dunha noite de inverno na que un veciño chamou a outro a falar fóra da taberna para arranxar certos malentendidos entrámbolos dous. O resultado final -¡para que entrar en detalles1-, foi un navallazo do primeiro ao segundo na faciana que lle abríu, literalmente, a cara dende a patilla ao queixo, cunha navalla barbeira. Coa conseguinte multa da garda civil ao taberneiro de ¡CEN PESOS! ¿moito máis de trescentos euros de hoxe?. E o taberneiro sen comelo nin bébelo, só por ter aberto ás doce e media, cando o horario de peche estaba establecido nas doce. Suceso acaecido ás portas dos 50. Concretamente en 1948.

¡Quén lle dera ao asinante destas páxinas disponer das alcumadas “libretas” de contabilidade, onde figuraban os debedores e os pufistas, capaces de deberle ao taberneiro de só un mes o que el/ela podería gañar nun ano! Tódolos pufistas eran debedores, pero non tódolos debedores nin moitísimo menos eran pufistas. A palabra mais oída ao longo do día, ou da noite, de calquera mes, estación e época do ano era de “¡Apunta!”. Dende un cacho de pan ata unha tableta de chocolate ou unha rolda perdida na partida, todo o mundo aclamaba, sen rubor, sen vergnza: “¡Apunta!”. Entre a necesidade –o mercado para a casa-, o vicio –as consumicións das partidas da baralla-, a ausencia doutras diversións –nin, como xa queda apuntado, electricidade había- e o vicio dos enganchados ao alcohol, repartíanse os papeis da obra de teatro diaria, alcumada “A taberna”… Un cadro importante, nesta obra teatral, aparecía escrita nunha libreta verde das débedes pola clientela mercado ao fiado. Curiosamente –difícil de crer pero certo-, salvo rarísimos casos, todo o mundo ía saldando as débedas, tardando máis ou menos, pero saldándoas. O Abegondo dos 50 estaba formado, en xeral, por xente de palabra, seria e cumpridora.

Na vivenda esquerda da casa da taberna, onde vivía a propietaria, destacaban dúas actividades: a visita de ducias de pagadores –da renda e a de veciños a face-la pelota a un dos potentados oficiais da parroquia. Numerosos veciños, principalmente de Abegondo e Montouto, levaban en aluguer leiras e monte destes terratenentes, e rematadas as mallas acudían cos ferrados de trigo pactados.

Na seguinte casa, pola mesma man da estrada estaba a casa do ….”


Portada de "O Abegondo dos 50"

Foto na que aparece "Eduardo da taberna", protagonista
do historia e pai do autor, Pedro A. Barros Pedreira.